Os Presocráticos: A Physis e o Principio de Todas as Cousas
A physis, que significa natureza, foi o obxecto das primeiras investigacións filosóficas. Os presocráticos tentaban dar resposta a cuestións relacionadas co mundo físico ou natureza. Os primeiros filósofos, chamados físicos, buscaban o arché, que tiña as seguintes características:
- Situado no principio do tempo e do que xorde todo.
- É un elemento constitutivo común a todas as cousas.
- Determina as características e procesos aos que están sometidos todos os obxectos.
Filósofos Milesios
Tales, Anaximandro, Anaxímenes. Naceron en Mileto, no século VI a.C.
Tales
Primeiro observador da natureza, daba aos cidadáns ideas que serviran para explicar os fenómenos naturais. A auga como principio de todo. A terra flotaba sobre a auga, e en consecuencia, a auga era o arché. O máis importante non foi a resposta senón o xeito en que se preguntaba sobre a natureza.
Anaximandro
Segue o camiño de Tales buscando o comezo de todas as cousas. Conclúe que o arché non pode ser ningunha substancia concreta das que coñecemos. Define o único arché posible como Ápeiron (o indeterminado, indefinido): defínese como materia primordial xeradora de todos os seres e á cal todos retornan. Homoxéneo, eterno, orixe e retorno de todo.
Anaxímenes
Sitúa o arché no aire. Parte da idea da respiración como principio de vida. Considera o cosmos como un ser vivo que respira. Como consecuencia, considera o aire como arché: protoelemento eterno, ilimitado, inextinguible, case incorpóreo, principio do movemento e da vida.
Heráclito de Éfeso
Éfeso era unha importante colonia grega de Asia Menor. Heráclito foi o primeiro filósofo importante da historia da filosofía, no século V a.C. O seu arché era o lume, sempre en perpetua mutación e cambio. É un principio inestable que amosa o fondo inestable da realidade. O lume tamén era luz, tiña intelixencia e causaba a organización de todas as cousas. A imaxe famosa que empregou é a metáfora do río: todo flúe, nada permanece; non nos podemos bañar dúas veces no mesmo río, pois son augas distintas. A partir desta metáfora desenvolve a harmonía dos contrarios. Harmonía en grego = unión. Heráclito imaxinaba un mundo cheo de oposicións que se harmonizan grazas ao logos, que é a razón.
Pitágoras de Samos
Viviu entre os séculos VI e V a.C. Fuxiu da súa patria e refuxiouse no sur de Italia, onde fundou a escola pitagórica. É máis coñecido como matemático que como filósofo. As ensinanzas transmitíanse de xeito oral. A principal aportación da escola pitagórica foi a transmigración das almas. Defendían a teoría de que a alma é inmortal, que transmigra dunhas especies a outras, que todo o sucedido repítese periodicamente e que todos os seres vivos están ligados por lazos de parentesco. Tamén consideraba que os números eran o principio dos seres reais. Os números están formados por dous elementos: o par e o impar (EXPLICACIÓN DUALISTA da natureza), elementos contrapostos coordinados pola armonía.
Parménides de Elea
Viviu entre os séculos VI e V a.C. Compuxo un poema en hexámetros, igual que Homero, para explicar o seu pensamento filosófico. Os personaxes son: Verdade, Opinión, Xustiza, Camiño… O poema, chamado Sobre a Natureza, consta de dúas partes fundamentais: o camiño da verdade e o camiño da opinión.
O Camiño da Verdade
Rebate a pitagóricos e a Heráclito, guíase polo camiño da Razón deixando de lado os sentimentos, e afirma que o “ser existe e é imposible que non exista”. Para el só existe o SER e rexeita a existencia do non-ser ou vacío. O ser é un, único e compacto. Os seres particulares son ilusións ou opinións dos sentidos. Non admitía, como Heráclito, que todo flúe e nada permanece, porque como non existe nin baleiro nin distancia entre os distintos seres, non hai espazo para que se poida dar o movemento constante. Di que toda a realidade é un ser único, compacto, limitado e inmóbil (TEORÍA DO MONISMO ESTÁTICO). Esta é a meta do camiño da verdade, meta á cal só chegan o poeta-Parménides e a Filosofía. O resto (simples mortais) só percorren o camiño da opinión.
O Camiño da Opinión
Describe unha especie de Física da natureza. O máis sorprendente de Parménides é o descubrimento do SER como obxecto fundamental do pensamento. O que fixo foi suprimir do ser todas as propiedades que podían ser percibidas polos sentidos e quedar coas notas do ser intelixible, percibido pola razón. Parménides pensa que o ser existe, pero non como o conciben os sentidos, senón como o concibe a intelixencia.
Filósofos Pluralistas
Despois de Parménides xa non foi posible volver a unha explicación monista da natureza, xa que buscar un único arché era condenarse a dar unha explicación incompleta da natureza. Xurdiron entón pensamentos PLURALISTAS como o de Empédocles, Anaxágoras, Leucipo e Demócrito.
Empédocles
Siciliano, do século V a.C. A súa doutrina é un compendio de teorías anteriores: acepta a teoría de Parménides sobre a unidade do ser e sobre a imposibilidade de que algo poida xurdir do non ser, pero engade que a natureza é unha esfera na que non hai unha única sustancia senón unha suma de 4 elementos: auga (Tales), ar (Anaxímenes), lume (Heráclito) e terra, que enchen a totalidade do espazo e non deixan lugar ao baleiro. Da mestura e separación dos 4 elementos xorden todas as cousas. Unha das ideas máis suxerentes de Empédocles é o seu descubrimento do amor e do odio como MOTORES DO MUNDO. Opinaba que o amor reinaba na esfera en momentos de plenitude e estabilidade, e o odio vén a corromper esa estabilidade. É dicir, establece unha dialéctica nesa loita entre dous principios opostos pero involucrados.
Anaxágoras
Do século V a.C, o famoso século de Pericles, de quen chegou a ser amigo persoal. Foi denunciado polas súas ideas de astronomía e acusado de impiedade. Afirmaba que todo está en todo e desenvolveu a teoría das HOMEOMERÍAS: todos os seres teñen a mesma composición e o que fai que uns seres sexan diferentes doutros son as homeomerías predominantes.