Descartes: As Probas da Existencia de Deus e a Garantía da Realidade

Descartes enuncia as dúas primeiras probas da existencia de Deus. A primeira baséase na idea dun ser perfecto que posúe o «eu» e a segunda na dependencia do «eu» a respecto de Deus.

Tres son as probas que Descartes utiliza para demostrar a existencia de Deus:

1. Proba Gnoseolóxica

Analizando Descartes as ideas que el posuía na mente, entende que hai algunhas como as ideas de ceo, terra, luz, calor… (adventicias) que moi ben poden proceder de si mesmo pois teñen as mesmas limitacións ou imperfeccións. Pero, contrariamente, a idea que posuía dun «ser perfecto» tiña que proceder dunha natureza externa a el e máis perfecta que el xa que senón caeríase en contradición: o «menos perfecto» non pode producir o «máis perfecto». Descartes apóiase nun principio metafísico segundo o cal non pode haber máis perfección no efecto (idea de Deus = perfección) que na causa (o propio eu ou as cousas que me rodean). Por iso, do imperfecto non pode saír a idea dun ser absolutamente perfecto. Polo que a idea de Deus debe estar na nosa mente porque un ser máis perfecto que nós alí a puxo, e ese ser foi Deus. Esa idea de Deus é unha das nosas ideas innatas.

Esta proba poderiamos resumila deste xeito: Dado que eu son unha substancia finita podo formar en min ideas de substancias finitas, pero non de substancias infinitas (perfectas) a non ser que as poña en min unha substancia infinita como é Deus. Polo tanto, Deus existe.

2. Proba da Causalidade

Dado que eu teño en min a idea dun ser perfecto e infinito da que non son autor, cabe preguntarse, se a miña propia existencia se deriva de min mesmo ou dalgunha causa diferente e máis perfecta. Descartes responde afirmando que se eu fose a causa da miña propia existencia, tamén sería a causa da idea do perfecto que está presente na miña mente, e para que así fose, eu tería que ser perfecto. Aínda máis, se eu fose a causa da perfección que hai en min, pola mesma razón podería ter por min mesmo todas as perfeccións: infinitude, eternidade, inmutabilidade, omnisciencia, omnipotencia… Polo tanto, Deus é a causa da miña existencia.

Esta proba presentouna Descartes como complementaria coa primeira e nela Deus aparece como causa da nosa existencia e non simplemente como causa da idea de perfección existente no pensamento.

3. O Argumento Ontolóxico

Teño en min a idea dun ser sumamente perfecto ao que ten que ser esencial a súa existencia pois senón carecería dunha perfección que é o existir. É dicir, non podo pensar nun ser sumamente perfecto sen pensar que exista, do mesmo xeito que non podo pensar nun triángulo no que os seus ángulos non sumen dous rectos ou intentar concibir unha montaña sen val. Anselmo (s. XI) xa fixera unha argumentación moi semellante.

A obxección máis importante a esta demostración centrouse na consideración da «existencia» como unha perfección (KANT). Outra obxección clara é a que sinala que Descartes entra nun círculo vicioso xa que é Deus quen fundamenta o criterio de verdade, pero para demostrar a existencia de Deus xa se lle aplica tal criterio.

Nos tres argumentos expresados, Descartes segue o esquema contrario que utilizara Tomé de Aquino na Idade Media: tenta probar a existencia de Deus como causa das ideas que ten o eu pensante e non a partires do mundo sensíbel que tiña que ter unha causa primeira que era Deus. Polo tanto, se Tomé de Aquino tratara de demostrar a existencia de Deus a partires da existencia do mundo, agora Descartes trata de demostrar a existencia do mundo a partires da existencia de Deus. Faino deste xeito:

O recibir impresións de «ideas» non depende exclusivamente de min pois, de feito, a veces recibo impresións de «ideas» contrarias á miña vontade. Iso lévame a pensar que esas impresións veñen a min desde corpos distintos do meu. E dado que Deus me deu esa inclinación a pensar que a orixe desas «ideas» sensíbeis está nos obxectos corpóreos e, por outra parte, xa quedou demostrado que Deus existe como un ser infinito e perfecto (e, por iso, non é un ser enganador), podo concluír con seguridade que os corpos existen (o cal non quere dicir que sexa exacta a percepción que eu teño deles). En definitiva, Deus, que é infinitamente perfecto e bo, non pode permitir que me engane cando percibo clara e distintamente que os corpos existen. Pero, que concibe o entendemento como esencial ao corpo? O noso entendemento concibe o corpóreo de forma clara e distinta como algo reducido á extensión con figura e movemento.

Deus, en definitiva, convértese na garantía de que ás miñas ideas lles corresponde unha realidade extramental, se ben non ten porque corresponderlle a todas. Así, por exemplo, non podemos fiarnos da cor ou do sabor das cousas xa que os recibimos polos sentidos e estes non son fiábeis. Só podemos admitir o que a nosa razón nos di sobre os corpos e esta indícanos que os corpos son extensos, pois non podo imaxinarme un corpo sen extensión. Todo corpo por definición é extenso xa que ocupa un lugar no espazo e esta extensión é medíbel, cuantificábel, matematizábel. Por iso Descartes distingue entre as calidades primarias (obxectivas e medíbeis) e as calidades secundarias (subxectivas como a cor, olor…).

No fondo esta necesidade de recorrer a Deus reflicte que Descartes non deixa á marxe da filosofía as súas crenzas relixiosas. Teremos que agardar á Ilustración con Kant para que se separe claramente o coñecemento científico das crenzas relixiosas e, máis tarde no século XIX, a Marx para formular claramente a inexistencia de Deus.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *