Descartes y el Método Científico: La Revolución del Pensamiento Racional

1. Descartes: O Método Científico e a Evidencia do Cógito

a) Revolución Científica:

A finais da Idade Media xorde unha revolución científica, a cal se dirixía cara á observación directa da natureza e cara ás matemáticas. A nova ciencia consiste nun novo modelo científico baseado no método hipotético-deductivo e o abandono das explicacións especulativas. O naturalismo dá paso a este novo modelo científico. Hai 3 momentos destacados:

  • A Revolución Copérnicana: substitúese o modelo astronómico xeocéntrico polo heliocentrismo.
  • A Consolidación: derrúbase a física aristotélica e é substituída pola dinámica de Galileo; é o momento tamén do novo método científico.
  • A Síntese: de todas estas transformacións, dando lugar ao mecanicismo, que ten a Newton como protagonista.

Nova Concepción da Ciencia (Mecanicismo vs Organicismo de Aristóteles):

A máquina como modelo: mentres que a ciencia aristotélica tomaba como modelo o organismo vivo, a ciencia moderna tomará a máquina.

As pezas e o movemento da máquina do Universo: o mecanicismo vai supoñer o renacemento do atomicismo. O universo é unha máquina con pezas extensas en movemento. A nova ciencia é cuantitativa: elimina as calidades secundarias, quedando só as primarias como obxecto da ciencia. Polo que todo se explica pola materia e o movemento.

A Matematización do Universo: derivada da mecanización do movemento: elimínanse as categorías aristotélicas (esencia, substancia, etc.) e xorden novas (forza, resistencia, etc.), o espazo físico identifícase co espazo xeométrico.

A Autoridade dos Antigos perde valor fronte aos datos obtidos polo novo método científico.

b) Descartes e o Racionalismo:

O problema filosófico fundamental para o pensamento moderno é o do coñecemento. O racionalismo moderno (enfrontado co empirismo) nace en Francia no século XVII e difúndese por Europa, con Descartes como representante. Representa unha visión xeral do mundo e do coñecemento harmoniosa, ordenada, racional, estable e xeométrica, que se basea no pensamento metódico, a crenza na estabilidade das ideas e na súa claridade. O empirismo moderno, pola contra, representa unha visión do mundo dinámica, cambiante e interesada pola utilidade do saber, innovadora en teorías do coñecemento e tamén da propia sociedade.

Os trazos que definen o racionalismo son:

  • A confianza plena na razón: a razón é a única facultade que pode conducir ao ser humano ao coñecemento da verdade, sacando de si mesma as verdades primeiras e fundamentais, a partir das cales, pola dedución, pódese obter todas as demais e construir o sistema do mundo. A razón é unha facultade sistemática e coincide coa realidade.
  • Busca dun novo método: o novo método pretende descubrir verdades seguindo os modelos do procedemento matemático: establecer unhas definicións e uns axiomas dos que poida deducirse con evidencia e necesidade un sistema filosófico pechado e completo.
  • Subxectividade, coñecemento e realidade: á contra do pensamento medieval, era un pensamento que non dubidaba da realidade do mundo; agora triunfa unha subxectividade onde as cousas son só coñecidas nas ideas e, polo tanto, a realidade do mundo xa non é cientificamente evidente e ten que ser deducida.

c) O Método Cartesiano (TEXTO 1)

O método que propón Descartes é de inspiración matemática e universal na súa aplicación, sexa cal sexa o campo do saber no que se estea a utilizar. A definición do que el entende por método pode verse no Discurso do Método (T1. foi isto…catro seguintes.). A primeira vantaxe que proporciona o método é o escape do erro. O método permitirá que aumentemos os nosos coñecementos e descubramos verdades novas. As regras deste método resúmense en catro fundamentais enunciadas por Descartes no DdM (T1).

  • 1- Regra de Evidencia: (T1. non aceptar xamais…poñelo en dúbida): só se acepta como verdadeiro o evidente. A evidencia dase só na intuición, o cal é un acto puramente racional (a captación intelectual inmediata dunha idea). Non hai unha cadea deductiva e non hai mestura con nada sensible. A intuición intelectual caracterízase pola súa indubitabilidade e alonxamento total do erro e pola certeza. O claro e o distinto (evidente) non é confuso nin escuro, polo que non é rexeitado como posible fonte de coñecemento. A evidencia esixe que o coñecemento se quede no intelectual, non hai posibilidade de experimentar algunha intuición sensible. O evidente son as ideas claras e distintas (naturalezas simples). Unha idea é clara cando podemos advertir todos os seus elementos sen a menor dúbida. A idea é distinta cando aparece diferenciada de tal maneira que non poidamos confundila con outra idea. Descartes só admite un pequeno número de ideas simples. A maioría das nosas ideas son complexas, polo que hai que atopar o xeito de reducilas a ideas simples, que polo tanto son evidentes. As naturezas simples son ideas innatas, son posuídas por todos os seres humanos por ser racionais, non se adquiren a través da experiencia ou a aprendizaxe nin dependen da cultura ou as condicións históricas. As ideas innatas garanten a veracidade dos nosos coñecementos e non necesitan nin poden ser demostradas, porque caen fóra da cadea de deducións.
  • 2- Análise: (T1. dividir cada unha….mellor resolvelas): O analizar consiste en descompoñer o complexo nos seus elementos simples, que poderán ser intuídos como ideas claras e distintas, é dicir, evidententes. Calquera problema que teñamos que estudar é un conxunto estruturado de ideas complexas. Reducimos o complexo ao simple indo dende o descoñecido ao coñecido (ideas innatas).
  • 3- Síntese: (T1. conducir por orde…os uns aos outros): a síntese é un proceso ordenado de dedución, no que unhas ideas evidentes encadean a outras necesariamente, o cal amplía os nosos coñecementos con novas verdades: do coñecido accedemos ao descoñecido mediante un proceso ordenado e rigoroso de concatenación de ideas. A síntese complementa á análise e permítenos avanzar na procura de novas verdades: reconstrúe o problema en toda a súa complexidade, deducindo todas as ideas e consecuencias que se derivan daqueles principios primeiros absolutamente certos.
  • 4- Comprobación: (T1. facer en todo…da súa certeza): O último paso é moi importante para non cometer erros de omisión ou de proceso na análise e na síntese.

Conclusión: a verdade non depende de ningunha experiencia externa a nós mesmos. O verdadeiro entendemento é un concibir na mente e un decatarse deste sometemento á lei propia da mente. Polo que o método é: unha serie de regras de sometemento da mente ás propias leis do pensar. O método ten unha función propedéutica respecto de todo coñecemento e é o punto de partida da nova filosofía que propón Descartes. En conclusión, non estamos nun punto de chegada, senón ante un punto de partida/inicio.

d) Aplicando o Método: Da Dúbida á Primeira Verdade (TEXTO 2)

Ao aplicar o método cartesiano, Descartes tropeza cunha dúbida que é sistemática e hiperbólica e que debe ser aplicada a todos os coñecementos, ideas ou crenzas. A dúbida cartesiana non é unha dúbida escéptica, xa que pretende levar ao coñecemento, polo que é unha esixencia do método que se despliega no seu momento analítico. Por iso foi que Descartes atopa un gran número de motivos para dubidar:

  • 1. O Engañosos que Poden Ser os Sentidos: pois son unha fonte de equivocacións habituais.
  • 2. A Incapacidade de Distinguir o Soño da Vixilia: ás veces, soñamos e creemos que o soñado é real, xa que non hai criterios fiables para determinar a realidade das cousas. Con esta cuestión pregúntase a existencia da realidade exterior.
  • 3. A Capacidade da Intelixencia para Establecer Razoamentos: Descartes amplía o proceso da dúbida coa hipótese do xenio maligno, un deus-xenio enganador e maligno que impide fiarse do funcionamento do entendemento. Este último é o paso definitivo da dúbida metódica, porque con el se cuestiona a totalidade do proceder da razón, incluída a intuición de verdades matemáticas.

Todo este proceso leva a Descartes á única idea da que non se pode dubidar: a intuición da propia existencia. Pódese dubidar de todo, pero non de que se está dubidando. Descartes tropeza cunha evidencia absoluta grazas á cal consegue escapar da dúbida: Penso, logo existo (Cogito, ergo sum), é a primeira verdade: é unha idea clara e distinta. Este será o punto de partida de toda a súa filosofía, o fundamento que lle vai permitir avanzar de forma segura, lonxe do erro da dúbida (TEX 2 Pero hai un non…no meu espírito), para construír a árbore da filosofía coa raíz composta pola metafísica, o tronco pola física e as pólas principais a mecánica, a medicina e a moral.

e) A Idea de Substancia en Descartes: Podo Saber se Hai Algo Máis que Eu Pensando? A Metafísica:

O concepto fundamental na metafísica de Descartes é a substancia, aquilo que existe de tal maneira que non necesita de ningunha outra cousa para existir. Descartes distingue 3 substancias:

  • Deus ou Substancia Infinita (res infinita): a única á que se lle pode aplicar en sentido estrito a aplicación en tanto ser autosubsistente.
  • O Eu ou Substancia Espiritual (res cogitans):
  • O Mundo ou Substancia Corpórea (res extensa):

As propiedades que o Eu coñece clara e distintamente das substancias son os atributos. Por exemplo, uns atributos de Deus serían: infinitude, inmutabilidade, eternidade. O único atributo do Eu é o pensamento, ao que Descartes define como actividade consciente do espírito. O único atributo da substancia corpórea ou Mundo é a extensión ou a magnitude espacial.

e.1) O Dualismo Cartesiano:

O obxectivo do pensamento de Descartes ó afirmar que alma e corpo, pensamento e extensión, constitúen substancias distintas, é salvagardar a autonomía da alma respecto da materia.

  • O Pensamento (res cogitans): o Cógito é a primeira realidade existencial sobre a metafísica. Descartes encontra que o suxeito non pode ser outro que o pensamento, cousa pensante, res cogitans: non depende do corpo e pode ser concibida con independencia del. A alma humana ten unha natureza pensante. Dado o carácter intuitivo do primeiro principio cartesiano (Penso, logo existo), o pensar e o ser aparecen nel tan unidos, que o ser do suxeito pensante consiste en pensar (T2. Medit, meta). Unha cousa que pensa, unha res cogitans, tamén dubida, entende, nega, quere, imaxina, sente, etc. O Eu pensa ideas, que poden ser adventicias (veñen da experiencia exterior), facticias (veñen da nosa imaxinación e vontade) e innatas (están no entendemento por natureza).

e.2) O Ser Humano Máquina:

No Tratado do Home, Descartes fala do home-máquina, sostén que o corpo é unha máquina que ten unha serie de pezas cuxo coñecemento permite explicar calquera acto físico humano. O corpo está sometido ás leis naturais deterministas por ser materia (res extensa), polo que o seu atributo é a extensión, a cal se manifesta a través da figura e do movemento.

e.3) A Substancia Divina e a Demostración da súa Existencia (TEXTO 3)

Deus, a substancia infinita, será quen garanta a veracidade das ideas evidentes, fronte á hipótese do xenio maligno das meditacións. O deus cartesiano é o deus creador e absolutamente verdadeiro e bo, que nin nos mente nin permite que nos minta o hipotético xenio maligno. É un deus GARANTE DE VERDADE. O coñecemento da idea de substancia infinita permítenos garantir a verdade da idea da existencia de algo exterior a el mesmo, de que ás ideas dos corpos materiais lles corresponden realmente corpos materiais e a verdade da idea de pensamento. Respecto ao mundo, hai que ter en conta que deus non garante todas as calidades dos corpos, senón só as calidades primarias. A existencia de deus terá que probala Descartes sen referencia ao mundo, a partir só das ideas ou contidos do eu. Entre os tres tipos de ideas (adventicias, facticias e innatas), o filósofo atopa nas innatas a idea de perfección e infinito, a partir da cal deducirá a existencia de Deus. (TEX 3. de seguido…canto eu tiña). Neste texto temos a demostración gnoseolóxica da existencia de deus. Partindo de que non é un ser perfecto en tanto que dubida (o meu ser…dubidar), busca de onde pode provir o pensamento de algo máis perfecto (onde aprendera…eu era). Esta idea de perfección non pode provir da nada, nin ser adventicia, nin facticia e non pode provir del mesmo en tanto imperfecto (non podía ter tampouco de min mesmo), motivo polo cal non pode causar perfección. Polo tanto, esta idea só pode ser causada, e posta nel, por un ser perfecto. Para reforzar a proba, remata indicando que dado que el coñecía algunhas perfeccións que non tiña, tería que existir polo menos un ser máis perfecto do cal dependese e adquirise todo o que el tiña. Vese entón aquí, a deus como causante da existencia da realidade e do ser pensante, que ten en sí a idea de perfección que é innata.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *