Introdución á Gnoseoloxía
A gnoseoloxía é a rama da filosofía que se formula preguntas acerca do coñecemento, do saber verdadeiro e de como podemos chegar a alcanzalo. Por esta razón, esta rama é, desde a época antiga ata a contemporánea, unha das máis importantes e recoñecidas. Ao longo da historia da filosofía desenvolvéronse diferentes posturas gnoseolóxicas, da man de filósofos recoñecidos a nivel mundial.
A Gnoseoloxía de Platón
A gnoseoloxía antiga pode exemplificarse a través dos dous filósofos máis importantes do período clásico: Platón (entre o século V e o IV a.n.e.) e Aristóteles (durante o século IV a.n.e.).
Doxa e Episteme: Os Dous Mundos
A gnoseoloxía de Platón está dividida entre a opinión (doxa) e a ciencia (episteme), que se corresponde co saber verdadeiro. Estes dous niveis da súa teoría correspóndense á vez co mundo sensible e co mundo intelixible, da súa Teoría das Ideas. No mundo intelixible, a ciencia (episteme) correspóndese co verdadeiro saber, onde reside o coñecemento e as Ideas de todas as cousas; mentres que no mundo sensible, a opinión (doxa), é onde se atopan as diferentes copias imperfectas das Ideas que están no mundo intelixible.
Os Niveis do Coñecemento
Tanto a opinión como a ciencia están subdivididas nas diferentes disciplinas ás que corresponden:
- No mundo sensible (Doxa):
- Imaxinación (eikasia)
- Crenza (pistis)
- No mundo intelixible (Episteme):
- Pensamento discursivo / Matemáticas (dianoia)
- Intelixencia pura / Dialéctica (noesis)
Esta división que fixo o filósofo do mundo serve para entender que, para el, todo o coñecemento ao que podemos aspirar no mundo sensible, que é no que vivimos, é só opinión.
A Reminiscencia como Camiño
Por esta razón, para Platón, chegar ao coñecemento verdadeiro consiste en captar as Ideas mediante a razón (un proceso ascendente ou dialéctico), e dá como resultado a ciencia (episteme), que é máis valiosa ca a opinión (doxa). Tamén defende que, aínda que esquezamos as Ideas, sempre as teremos no noso interior porque xa as sabiamos cando a nosa alma vivía no mundo intelixible. Por esta razón, a través do proceso da reminiscencia (anámnesis), mediante o que somos capaces de captar as verdadeiras Ideas grazas ao diálogo filosófico, somos capaces de recordarlle á nosa alma esas Ideas esquecidas. Platón toma esta teoría como un proceso mediante o cal un é capaz de chegar ás verdadeiras Ideas, ao coñecemento absoluto.
A Gnoseoloxía de Aristóteles
Por outra banda, a gnoseoloxía de Aristóteles é considerada o principio do empirismo (que se desenvolverá na modernidade).
Metafísica Hilemórfica como Base
Aristóteles xa non divide o coñecemento en dous mundos como o seu mestre Platón, senón que defende que no propio mundo sensible todas as cousas están compostas de materia e forma (a súa teoría hilemórfica), onde a forma se corresponde coa substancia e a materia co potencial para accidentes, e todo isto atópase dentro do propio mundo sensible. Estas son as bases da metafísica aristotélica.
O Proceso do Coñecemento Empírico
Para este filósofo, o coñecemento verdadeiro, ademais de atoparse no mundo sensible, consiste en coñecer o universal (a forma ou esencia) presente no particular, é dicir, centrarse na esencia común e non só nas características individuais. Para chegar a esta verdade, Aristóteles usa o método da abstracción indutiva e distingue varios niveis ou fases no coñecemento:
- Os sentidos: Captan as percepcións particulares.
- A memoria: Onde se almacenan as percepcións.
- A imaxinación: Permite evocar as imaxes almacenadas na memoria.
- O entendemento (nous): Co que finalmente somos capaces de formar conceptos universais (a esencia) a partir dos particulares.
A Abstracción Indutiva
O proceso de abstracción indutiva mediante o que Aristóteles describe a súa gnoseoloxía trata de extraer a forma inmanente (universal) que varios individuos teñen en común, prescindindo do que os diferencia entre eles (o particular). Esta teoría pódese resumir en que o coñecemento, para o filósofo, é posible grazas a un proceso de abstracción que extrae a esencia común aos individuos, prescindindo das súas características particulares, para desta forma chegar a coñecer a súa esencia ou verdade.
Comparación e Conclusión
A teoría de Aristóteles é moi diferente á de Platón porque parte da experiencia sensible e non postula un mundo separado de Ideas. Estas teorías tamén demostran que, a pesar das múltiples diferenzas entre os autores e as súas teorías, ambos os pensadores eran dogmáticos, xa que defendían a posibilidade de alcanzar un coñecemento verdadeiro e seguro (Platón a través da reminiscencia das Ideas, Aristóteles a través da abstracción das formas) e que, polo tanto, é posible alcanzar un coñecemento certo da realidade.
Opinión Persoal
En conclusión, a pesar de non estar de acordo coa teoría do dogmatismo, ademais de que na miña opinión non lles atopo moito sentido ás teorías dogmáticas antigas, atópome máis de acordo coa teoría e o método de Aristóteles. Xa que defende que para poder chegar a unha verdade debemos buscar o universal común a un colectivo de individuos, superando o puramente particular, penso que é unha forma máis axeitada para establecer coñecemento, xa que centrarse unicamente no individual dificultaría chegar a conceptos e coñecementos compartidos.