Co racionalismo, e máis concretamente con Descartes, prodúcese un xiro filosófico que dará como resultado que o tema principal será a teoría do coñecemento; a filosofía centrarase en como é posible que o ser humano obteña coñecementos seguros e o problema central será a busca dun método para tal coñecemento.
Para Descartes o saber humano está formado polo conxunto das diferentes ciencias; aínda que aplicados a distintos obxectos, os distintos saberes son manifestacións dun saber único. Os distintos saberes son un porque a razón é unha, fronte á dispersión que ofrecen os sentidos, Descartes defende a forza fundamental, única e común da razón. Do mesmo xeito e fronte á dispersión dos métodos das ciencias renacentistas, Descartes defende que o método da ciencia é único. Este método consta das seguintes regras:
- Evidencia: non hai que admitir nada que sexa dubidoso, e admitirase soamente aquilo que se presente á nosa intelixencia con tal claridade que non caiba menor dúbida; pero a evidencia dáse só na intuición. Por outra banda, estas ideas teñen que ser claras (se manifesta sen dificultade á intelixencia que a intúe) e distintas (está separada de calquera outra idea e non contén en si outras ideas). A evidencia obtida coa certeza constitúe o criterio de verdade.
- Análise: Consiste en dividir cada unha das dificultades que se presentan en tantas partes como fose posible (reducir as ideas compostas en ideas simples).
- Síntese: consiste en partir do simple para reconstruír de forma dedutiva o complexo.
- Enumeración ou comprobación: trátase de revisar todo o proceso para non omitir nada, é dicir, comprobar que non cometemos erros.
Aplicando este método á filosofía o que pretende Descartes é descompoñer todo ata os últimos elementos presentes no pensamento, para construír todo o edificio do saber, logrando unha verdadeira certeza evitando razoamentos longos.
O método cartesiano podemos describilo como intuitivo-dedutivo (a 1ª e 2ª regra son intuitivas e as outras dúas dedutivas). As premisas deste método serían:
- A razón é a única fonte válida de coñecementos.
- O modelo de saber ideal é representado polas matemáticas.
- O coñecemento pode ser construído dedutivamente a partir de certas ideas e principios evidentes que son innatos.
A Dúbida Metódica
Unha vez descritos os pasos do método, Descartes comezará por buscar unha evidencia absoluta da que non se pode dubidar, baixo ningún concepto, que servirá de base para deducir o resto do saber. Este cimento debe ser unha verdade absolutamente certa e indubidable (para obter este punto de partida esíxese eliminar todo aquilo do que sexa posible dubidar -dimensión negativa do método-). Podemos dubidar:
- Dos sentidos; a razón para dubidar é que estes algunhas veces engánannos, condúcennos a erros e por iso non nos podemos fiar deles.
- Da existencia dos obxectos que nos presentan os sentidos, en definitiva do mundo exterior: indicando a imposibilidade de distinguir a vixilia do sono como razón para tal dúbida; se non podemos distinguir vixilia do sono, non estamos certos de que o mundo que percibimos é real.
- Da existencia dalgún espírito ou xenio maligno que induce a razoar de xeito equivocado: tamén se pon en dúbida a propia racionalidade do suxeito e con ela cómpre entender que se pon en cuestión a verdade de ciencias tan valiosas como as matemáticas.
O único do que non se pode dubidar, é do feito de que estou dubidando; aínda que poida dubidar da testemuña dos sentidos e incluso da propia racionalidade, non dubido de que dubido.
O Cogito: A Primeira Certeza
Tampouco dubido do “acto” do meu pensamento, do feito de que penso, de que mesmo cando estou cuestionándoo todo, estou pensando: “Penso, logo existo”. Esta é a primeira verdade, a primeira idea clara e distinta, a existencia do pensamento e do eu máis aló de toda dúbida. (Para Descartes este Eu será a primeira substancia -entende como substancia aquilo que existe de tal maneira que non necesita doutra para existir- do seu sistema filosófico, pero tamén é o seu criterio de verdade porque se percibe con toda claridade e distinción).
Ideas: Tipos e Orixe
Para a filosofía anterior a Descartes o pensamento recae directamente sobre as cousas, mentres que para Descartes recae nas ideas (as ideas son actos e contidos que teñen unicamente existencia mental).
- Ideas adventicias: son as que parecen provir da nosa experiencia externa (cor, árbore, home…).
- Ideas facticias: Son as que proveñen da nosa imaxinación e son construídas pola mente combinando outras ideas (cabalo+corno= unicornio).
- Ideas Innatas: Estas tense por natureza e de xeito innato, non construídas e tampouco proceden da experiencia senón que as atopo nun mesmo, estando na mente mesma sen intervención exterior (son ideas claras e distintas e nelas atopa Descartes un criterio de certeza para distinguir o verdadeiro do falso).
Nin as ideas adventicias, nin as facticias, poden servir como puntos de partida para a demostración da existencia da realidade extramental (ambas proceden de fontes cuestionables, a realidade externa e da racionalidade). Entre as ideas innatas encóntrase a idea de infinito que se identifica coa idea de Deus.
A Existencia de Deus e a Realidade Externa
Para dar o salto á realidade necesítase demostrar a existencia de Deus e as perfeccións que a tradición cristiá lle atribúe (Descartes propón varias demostracións inspiradas en filósofos anteriores). Unha vez demostrada a existencia de Deus, xa temos dúas existencias, a miña e a de Deus. Supondo a existencia deste último non hai posibilidade de supoñer un xenio maligno que nos engane. Polo tanto, estamos seguros de que eu existo (porque penso), de que Deus existe (por demostración) e de que o mundo existe (Deus non nos engana). Descartes dá un paso máis aló, e converte a Deus en garantía do coñecemento máis aló do cogito, en Deus existen as grandes verdades (matemáticas e as leis da natureza) establecidas por el.
As Tres Substancias
Distinguimos tres substancias: